Río Ulla

Ruta turística ao volante

 

Propoñemos unha ruta turística polos concellos de Arzúa, O Pino e Touro (comarca de Arzúa) e Santiso (comarca de Melide), todos eles no interior da provincia de A Coruña, Galicia.

O río Ulla nace en Antas de Ulla (Lugo) e desemboca no Atlántico, na ría de Arousa (Pontevedra). Será este río o elemento central que te guiará ao longo desta ruta.

A contorna do Ulla mostra unha típica paisaxe galega de interior, dominada pola cor verde que nos caracteriza, e o azul-verdoso do río que acompaña de forma cambiante, dende as fervenzas de Touro e Arzúa, ata as augas mansas e abertas do Encoro de Portodemouros. Os concellos están marcados na súa fisionomía polas concentracións parcelarias, tamén conservan bosques autóctonos de caducifolias (carballos e castiñeiros principalmente). Na beira do río destaca a rica biodiversidade propia da ribeira do Ulla, un dos elementos máis interesantes desta ruta, xunto coa paisaxe, a gastronomía e o patrimonio.

Economicamente a zona está influenciada polos servizos do Camiño de Santiago, a cercanía da cidade compostelá, algunhas empresas do sector industrial e agroalimentario e a gandería, sobre todo adicada á produción de leite bovino. A explotación forestal, centrada no  sector madeireiro con plantacións de eucalipto e piñeiro, tamén é destacable.

A poboación local é amable e hospitalaria. Acostumada ao tránsito de peregrinos, está desexando parolar e orientar ao visitante sobre gastronomía, ocio e compras. É imprescindible comprar un queixo  D.O.P. Arzúa-Ulloa, tamén chamado queixo do país.

 

Peregrinos no Camiño de Santiago. Ferri no embalse de Portodemouros

 

Distancia total: 82 quilómetros.
Duración recomendada para completar a ruta: 2 días.
Ruta circular: é posible comezala en calquera punto do itinerario.
Tempo estimado de desprazamento: 2 horas en coche. Dende Santiago de Compostela podes empezar a ruta en O Pedrouzo, a menos de 20 minutos.


 

CONCELLO DE O PINO

 

Hórrea e Igrexa de Arca (O Pino)

O Pedrouzo

O Pedrouzo, tamén coñecido como Arca, é a etapa final do Camiño de Santiago antes da chegada a Compostela. Por iso é o lugar desta ruta cunha maior oferta de restauración e de aloxamentos, xunto con Arzúa.

No centro urbano, baixando pola Avenida da Igrexa, situada fronte á casa do Concello, destaca o conxunto das tres sobreiras, máis adiante o cruceiro, as hórreas e a igrexa de Santa Eulalia de Arca. En O Pino e Touro, a diferenza dos típicos hórreos galegos estreitos e alongados, construíronse hórreas de planta cadrada e pechadas na súa base.

O primeiro domingo de agosto celébrase en O Pino a festa do Galo Piñeiro, unha raza local de galiña que se está recuperando grazas a esta festa que organiza o Concello, as asociacións e particulares que se adican á cría. Inclúe concurso de beleza de galos e galiñas, así como unha mostra equina de gran tradición.

 

Galo e galiña piñeira. Á dereita Queixo D.O.P. Arzúa-Ulloa

 

Outros lugares de interese en O Pino

Fóra da nosa ruta, en coche, podes visitar a capela da Magdalena, na parroquia de Castrofeito, xunto ao Camiño do Norte, unha bela contorna que convida ao esparcemento. Aquí celébrase unha gran romaría popular o día 22 de xullo, un encontro relixioso, musical e unha gran comida campestre á que podes ir coa túa empanada galega e un delicioso queixo D.O.P. Arzúa-Ulloa.

Durante o verán pódeste bañar no río Tambre na área recreativa de A Tarroeira, situada un pouco máis ao norte.

Este treito do Tambre inclúe un espazo protexido pola Rede Natura 2000 no que se pode desfrutar da frescura do río xunto ás árbores da ribeira. Ademais, no verán tamén están dispoñibles para o baño as piscinas municipais, tanto neste como en todos os municipios desta ruta.

 

CONCELLO DE O TOURO


Antroido “Os Xenerais da Ulla” (Touro)

 

Fonte Díaz. Centro de Interpretación do Río Ulla.

O río Ulla e os seus afluentes debuxan a paisaxe do Concello de Touro e condicionan os cultivos e o carácter da súa xente.

En Fonte Díaz, a súa capital, celébrase a feira o día 5 de cada mes, o que permite degustar o polbo, un dos manxares da gastronomía galega, así como comprar un bo queixo ou uns chourizos caseiros. Os sábados a discoteca Dona Dana, famosa por ter sido durante anos o plató de gravación do programa de televisión Luar, anímanos a pasar a noite bailando.

Descubre o rico patrimonio natural, histórico, arquitectónico e paisaxístico do Concello de Touro e a ribeira do Ulla no Centro de Interpretación do Río Ulla, a uns 300 metros do pobo, xusto ao lado da área de estacionamento de caravanas.

O entroido dos xenerais da Ulla é un dos carnavais con máis tradición en Galicia. Celébrase en Fonte Díaz coincidindo co día da feira e tamén nas parroquias de Fao e Bama.

 


Pozo do Pego. Río Ulla

 

Pozo do Pego no Río Ulla

Despois de ter visitado o Centro de Interpretación do  Río Ulla, é o  momento de vivilo con todos os teus sentidos. Achégate ata o Pozo do Pego, un remanso do río de especial beleza, situado ao final da Ruta Ribeira do Ulla (PR-G 93). Para chegar é preciso aparcar o coche e andar uns 600 metros. Este enclave fluvial, de beleza inigualable, está rodeado dunha impresionante masa forestal autóctona, que se caracteriza pola súa frondosidade e a gran extensión que ocupa, con especies autóctonas de ribeira moi ben conservadas.

Tanto Touro como o municipio limítrofe, Arzúa, contan con rutas de sendeirismo homologadas ao redor do río e os seus afluentes. Esta rede de sendeiros enlazados entre sí permite ao camiñante percorrer aproximadamente 70 – 80 quilómetros de rutas sinalizadas dunha extraordinaria beleza, descubrindo a diversidade de flora e fauna local.

Descubre as rutas de sendeirismo de Touro e Arzúa:

A Ruta da Ribeira do Ulla (PR-G 93) pasa pola fervenza de O Inferniño e atravesa un bosque de sobreiras, árbore rara nestas latitudes, máis propia do clima mediterráneo.

Nesta etapa, o Ulla vai deixando ao seu curso varias zonas en forma de pequenas penínsulas, pontes como a de Remesquide e tranquilos remansos como o Pozo do Pego.

A Ruta dos Tres Ríos (PR G-121) chega ata unha bonita caída de auga, coñecida como Salto das Pombas.

A Ruta da Fervenza das Hortas ao Río Lañas (PR-G 233) acaba o seu percorrido na Fervenza de Santa Marta ou Fervenza das Hortas, que é a seguinte parada do percorrido e punto de inicio da Ruta da Fervenza das Hortas (PR-G 169) por Arzúa.

Ruta EuroVelo 3 cicloturista:

EuroVelo é unha rede de 15 rutas ciclistas de longa distancia que unen a todo o continente europeo. A EuroVelo 3 coñecida como a “Ruta dos Peregrinos”, cuxo punto de inicio é Navarra, visita na súa última etapa a poboación de Touro a través da coñecida como “Ruta do Holandés”.

Outros lugares de interese en Touro

De camiño ao Pozo do Pego, desviándote pola aldea de Loxo, poderás ver a súa bonita igrexa e moitas mostras de arquitectura civil tradicional do rural galego, entre as que destaca o hórreo de Outeiro. Tamén te podes achegar á aldea tradicional de Basebe coa súa corredoira e a ponte do  mesmo nome, preto do bosque de sobreiras.
Touro é tamén terra de impoñentes pazos, mostras da arquitectura civil rehabilitadas na actualidade como negocio ou para uso particular, e que nos séculos XVII al XIX foron o centro da vida feudal.

 

CONCELLO DE ARZÚA

 


Fervenza de Santa Marta (Touro/Arzúa)

 

Fervenza de Santa Marta ou Fervenza das Hortas

A ruta continúa cara a fervenza de Santa Marta ou das Hortas, situada a 15 quilómetros. Esta fervenza divide os concellos de Arzúa e Touro, cada un deles cunha ruta de sendeirismo homologada coa fervenza como punto de inicio e final. A aposta polo sendeirismo segue máis alá, no veciño Concello de Santiso, podendo camiñar 40 quilómetros máis polo cercano e tranquilo encoro de Portodemouros na Ruta da Beseña (PR-G 226).
A Fervenza das Hortas consta de dúas caídas de auga do regato de Saímes, duns 30 metros de altura, en gneis mesturada con cuarcita. Na súa parte alta atópase o Muíño dos Agra, ubicado no lado de Touro. Tamén é coñecida co nome de Fervenza de Santa Marta, debido a unha lenda popular sobre unha moza que adoitaba ir moer ao muíño co seu mozo. Cando lle conta ao mozo  que estaba embarazada, rexeitouna e unha noite empurrouna dende o alto da fervenza. Mentres caía a rapaza exclamou: “Santa Marta me vaia!” e afortunadamente un carballo detivo a caída, salvándoa milagrosamente.

 

Encoro de Portodemouros e Museo vivinte do mel O Enredo do Abelleiro


Museo o Enredo do Abelleiro (Arzúa)

 

Aínda co recordo do son da auga ao caer nos saltos do río, adéntrate na calma do encoro de Portodemouros. Ademais de admirar a paisaxe, neste punto é imprescindible a visita ao museo O Enredo do Abelleiro, un museo vivinte onde as abellas traballan mentres as observamos. Unha experiencia que encanta a grandes e pequenos.

 


Museo o Enredo do Abelleiro. Comeas e Tenda (Arzúa)

 

CONCELLO DE SANTISO

Ferri de Portodemouros

A ruta do Ulla non estaría completa se non atravesamos o río no Ferri Azulón. Dende a aldea de Loño, en Vila de Cruces (Pontevedra) é preciso achegarse no coche á beira do encoro e tocar a bucina. Axiña acode o Ferri para trasladarte de balde ao outro lado. O ferri empezou a dar servizo en 1975 como resposta á demanda veciñal de Vila de Cruces e Santiso despois de que as pontes que comunicaban ambos lugares quedaran inundadas polo encoro. A diferenza da paisaxe con respecto ao río Ulla en Touro é notable. Santiso é terra de horta grazas ao terreo liso e ao clima máis bondadoso co que nos agasalla o río.

Ferri no embalse de Portodemouros (Santiso)

 

É terra de igrexas e tamén de pazos ben conservados, convertidos en negocios ou que evocan o poder dos señores feudais con todos os elementos que recolle o refrán popular: “Escudo, capilla y ciprés, pazo es”. Tras baixar do ferri, achégate ao Pazo de Vilar de Ferreiros, cun impoñente portalón barroco.

 


Pazo Vilar de Ferreiroa (Santiso)

 

Outros lugares de interese dende Santiso

Pazo da Pena, utilizado durante moito tempo como viveiro forestal de especies ornamentais. A igrexa de San Estebo de Pezobrés, do característico románico rural, cunha soa nave e dúas sinxelas portadas cos seus respectivos tímpanos ben conservados. As igrexas de Santa María e de Moldes (Melide), son os mellores expoñentes do románico na comarca. Área recreativa do Liño o da Cornella na parroquia de Arcediago (Santiso), ideal para un baño no río. O muíño das Cañizas en Barazón, restaurado como mesón.

 

CONCELLO DE ARZÚA

Arzúa é a cabeceira comarcal, cuns 6.000 habitantes. A súa historia e economía están ligadas principalmente ao Camiño de Santiago e ao Queixo D.O.P. Arzúa-Ulloa, coa presenza de queixerías caseiras e outras entre a industria e a artesanía, sempre co máis puro respecto á tradición. Na primeira semana de marzo celébrase a Festa do Queixo de Arzúa-Ulloa, de Interese Turístico de Galicia, na que se ensalza este saboroso produto. Outro dos eventos que enche de vida as súas rúas é a celebración da feira local das mañás dos días 8 e 22 de cada mes.
Pasea pola súa zona histórica ou visita nas aforas o pequeno museo etnográfico de A Paínza ou as tendas-museo das empresas do coiro, de gran tradición no pobo. Ademais, Arzúa é o lugar ideal para comer e facer algunhas compras.
Dende Arzúa diríxete de regreso ata O Pedrouzo, punto de inicio e final da Ruta do Ulla.

 


Estatua “A Queixeira” (Arzúa)

 

Outros lugares de interés dende Arzúa

O Centro de Divulgación do Queixo e do Mel ten por obxectivo dar a coñecer e promocionar o Queixo D.O.P. Arzúa-Ulloa e o Mel de Galicia, así como a súa vinculación coa cultura e as tradicións do medio rural galego. A praia fluvial de Ribadiso invita a darse un baño nos meses de verán Reláxate no río Iso, afluente do Tambre, e o río Brandeso, afluente do Ulla, dous espazos naturais de gran beleza. O Pazo de Brandeso e o Pazo de Sedor, moi ben conservados, recórdannos o esplendor nobiliario de épocas pasadas. Desfruta da fin de semana no veciño pobo de Melide, famoso en toda Galicia polo seu ocio nocturno.

 

COORDENADAS XEOGRÁFICAS

Igrexa de Santa Eulalia de Arca
Avda da Iglesia, O Pedrouzo, O Pino
42° 54’ 10,9” N/ 8° 21’ 46,7” O
Centro de Interpretación do Río Ulla en Touro:
Avda de Castelao. Casa da Cultural

Información sobre horarios e visitas
no teléfono do Concello: 981.504.029
42° 52’ 14,56” N/ 8°  18’ 44,79” O
Pozo do Pego no Río Ulla
(Concello de Touro)    
42° 50’ 38,28” N/ 8°  17’ 46,26” O
Fervenza de Santa Marta ou Fervenza das Hortas
entre Touro e Arzúa:
45° 50’ 54,72” N/ 8°  12’ 57,72” O
Museo Vivinte do Mel O Enredo do Abelleiro
(Concello de Arzúa):
42° 51’ 25,8”  N/ 8°  11’ 40,6” O
Ferri de Portodemouros
entre Arzúa e Santiso                                 
42° 51’ 54,9” N/ 8° 10’ 38,47” O
Pazo de Vilar de Ferreiros en Santiso
(visitas previa reserva):
42° 51’ 54,9” N/ 8° 06’ 01,0” O
Museo etnográfico de A Paínza en Arzúa
(visitas previa reserva):
42° 57’ 35,57” N/ 8° 9’ 22,05” O