• Trátase dunha mostra ao aire libre e de gran formato que Manuel Taboada e o fotógrafo Adolfo Enríquez inauguraron esta mañá no Camiño Francés
• Organizada polo GDR Ulla Tambre Mandeo, ten como obxectivo animar aos espectadores a coñecer as comarcas de Arzúa e Mélide e o concello de Vilasantar

O Pino. 4-06-2021. Trinta fotografías de gran formato percorrerán nas vindeiras semanas distintas localizacións para promocionar os recursos turísticos dos nove concellos que aglutina o GDR Ulla Tambre Mandeo coa idea de que os espectadores se animen a coñecelos. As espectaculares imaxes, montadas en paneis ao aire libre, poderán velas os centos de de persoas que en peregrinaxe percorren o Camiño Francés ao seu paso polo Pino. Manuel Taboada, presidente do GDR, e o fotógrafo Adolfo Enríquez, autor da maioría das imaxes, inauguraron esta maña a mostra na área de descanso de Lenguelle, en Ferreiros.
Imaxes da lagoa e o mosteiro de Sobrado, do encoro de Portodemouros, de rutas fluviais a carón do Ulla, áreas recreativas, igrexas románicas, elementos etnográficos como o Batán de Mezonzo en Vilasantar ou gastronomía atraen a mirada dos peregrinos dende paneis dun metro de alto por metro e medio de ancho para dar conta dos moitos atractivos que os concellos de Arzúa, Melide, Boimorto, O Pino, Toques, Touro, Santiso, Sobrado dos Monxes e Vilasantar poden ofrecerlles aos visitantes. Acompaña as fotografías un breve texto informativo para situar e contextualizar os recursos.
Adolfo Enríquez, recoñecido fotógrafo autor de numerosas exposicións e antoloxías turísticas de Galicia, asina a maioría das fotos que compoñen a exposición. Completan a escolma imaxes de Rodrigo Vázquez e a empresa compostelá de comunicación Alicentis.
As fotografías poderán verse no Pino ata o próximo día 1 de outubro. Despois desprazaranse ao Camiño Norte no concello de Sobrado dos Monxes.
A exposición enmárcase nunha intensa campaña de promoción turística financiada pola Deputación da Coruña e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, a través do Programa Leader que está levando a cabo o GDR Ulla Tambre Mandeo. Esta inciiativa comprende tamén unha serie de rutas guiadas para coñecer a flora e a fauna en espazos emblemáticos. As rutas culminarán os días 8 e 9 de outubro, cun maratón de observación ornitolóxica, de 24 horas de duración, no entorno da lagoa de Sobrado de Monxes, o río Ulla e na Serra do Careón.