Ríos Ulla e Tambre

Tres dos grandes ríos galegos percorren o territorio do Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo. Dous deles, ademais, teñen aquí o seu berce. Son o Tambre e o Mandeo, que nacen no municipio de Sobrado dos Monxes, considerada como a capital da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo grazas en boa medida á riqueza medioambiental da súa lagoa, unha das zonas húmidas máis importantes de Galicia e punto de observación de aves. 

Río Ulla

O Río Ulla baña os concellos de Santiso, Arzúa e Touro. Mentres o seu afluente Furelos nos deixa paraxes de gran beleza ao seu paso por Melide e Toques.
Dende o seu nacemento en Antas de Ulla ata a súa desembocadura na ría de Arousa, o río Ulla percorre uns 130 quilómetros (é o terceiro máis longo de Galicia despois do Miño e do Sil), e serve de límite provincial entre A Coruña e Pontevedra.
A paisaxe amósase moldeada pola actividade humana tradicional sendo un bo lugar para observar as ribeiras fluviais e as pontes cargadas de significados históricos. A carón do río Ulla, na ruta de sendeirismo PR-G 93 podemos atopar un conxunto de sobreiras, típicas da paisaxe mediterránea, que se alternan entre carballos e outras árbores de bosque de galería; ademais de ouriceiras.
Con todo, en ocasións a natureza do río reclama a súa bravura en fervenzas de altos voos como a Fervenza das Hortas (ou de Santa Marta) de 30 metros de caída en Arzúa, ou as do Inferniño e a do Salto das Pombas, en Touro.

Para percorrelo por auga: o único ferri de augas doces de Galicia, o ‘Azulón primeiro’, en Santiso. Para percorrelo a pé: seis preciosas rutas no territorio do Ulla Tambre Mandeo, tres en Touro, unha en Arzúa e dúas en Santiso. Para visitar os puntos mais salientables: a ruta ao volante. Para coñecelo: o Centro de Interpretación do Río Ulla en Touro.

 

Centro de interpretación do río Ulla

O Centro de Interpretación do río Ulla permitiralle ao visitante o achegamento aos recursos naturais, patrimoniais e culturais do Ulla. Un dos seus grandes atractivos é sen dúbida a súa proximidade ao río (uns 4 quilómetros) e ás rutas de sendeirismo homologadas do concello.

O centro está situado nunha área de esparexemento e ocio onde hai tamén unha piscina pública ao aire libre, pista de tenis, parque saudable, área de autocaravanas, un pequeno parque infantil e a Casa da Cultura. A uns 300 metros atópase o casco urbano de Fonte Díaz, con todo tipo de servizos (centro médico, farmacias, supermercados, restaurantes, cafeterías, etc.) e próximo á ruta alternativa do Camiño de Santiago para bicicletas coñecida como Ruta do Holandés.


Máis información en www.concellodetouro.com / www.touroturismo.es ou no Concello de Touro (981 504 029)

Rúa de Castelao, 36 Touro, 15822, A Coruña

Coordenadas: 42.870999, -8.311340

Google Maps (aquí)

Río Tambre

O Tambre, pola súa parte, discorre polos municipios de Sobrado, Boimorto, Vilasantar e O Pino. Un bo xeito de gozar de todos os seus recursos é a Ruta do Tambre en coche. Aínda que un paseo a pé sempre o agradecerán os nosos cinco sentidos. Desde a área recreativa da Tarroeira, pola marxe dereita río arriba pódense percorrer once quilómetros por bosques de ribeira moi ben conservados, comprendidos na Rede Natura.