A riqueza e biodiversidade das Terras do Ulla e do Tambre foi recoñecida con figuras internacionais de conservación e protección natural como son as de Reserva da Biosfera e de Rede Natura 2000.

 

Reserva da Biosfera

A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia ou a Cultura, é dicir, a Unesco, estableceu nos anos oitenta un programa no que agrupa zonas de elevado valor medioambiental, chamadas Reservas da Biosfera, co obxectivo de promover un desenvolvemento sostible baseado na mellora da relación do ser humano coa súa contorna. En Galicia están recoñecidas seis.

Sobrado dos Monxes pode considerarse como a capital dunha delas, a Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. A Lagoa de Sobrado, localizada moi pretiño de onde nace o río Mandeo e regada polas augas de varios afluentes do río Tambre, é un dos principais humedais de Galicia.

A lagoa foi creada artificialmente no século XVI polos frades do cercano mosteiro cisterciense de Santa María de Sobrado como coto troiteiro e sistema de rego das hortas e prados lindeiros. Converteuse co paso do tempo en acubillo para aves migratorias que veñen pasar o inverno e un punto de avistamento excepcional de especies como parrulos ou garzas. Nenúfares, ras ou cabaliños do demo ofrecen tamén todo un espectáculo a simple vista.

Rede Natura 2000

A Rede Natura 2000 é a rede de protección determinada pola Unión Europea e inclúe os Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) e as Zonas de Especial Protección de Aves (ZEPA).

Dentro da Rede Natura, paga ben a pena visitar a Serra do Careón, pequena cadea montañosa pertencente á Dorsal Galega que se estende polos concellos de Toques, Melide e Santiso e que agocha unha gran singularidade xeolóxica e botánica. Por unha banda, pola presenza de rochas ultrabásicas ricas en serpentinita e, pola outra, por mor da existencia de especies endémicas como a santolina melidensis ou abrótano, arbusto de flores amarelas que vive nunha área moi limitada dos concellos de Santiso e Melide.

Unha das paraxes máis representativas é, sen dúbida, a fervenza das Brañas, en Toques, lugar de gran espectacularidade paisaxística onde o río cae desde preto de corenta metros, cun antigo muíño como testemuña, para continuar a súa viaxe cara ao río Ulla. 

Precisamente o Ulla, xa cando atravesa o concello de Touro, está tamén protexido como ZEPVN ou Zona de Especial Protección dos Valores Naturais como parte do Sistema Fluvial Ulla-Deza. Bosques autóctonos, nos que sobresaen fieitos, bidueiros ou abeleiras, conviven con antigos sobreirais máis propios do Mediterráneo, e tamén cunha variada fauna fluvial ou construcións tradicionais como muíños, pesqueiras ou ouriceiras. Dúas rutas de sendeirismo homologadas (a PR-G-121 e a PR-G-93) permiten coñecer todos estes atrativos naturais e etnográficos. Por último, ten declaración LIC e ZEPVN un treito do río Tambre ao seu paso polo concello do Pino.

Nun percorrido moi accesible para todos os públicos poderedes gozar dun auténtico bosque de ribeira moi ben conservado, sendo un bo punto de partida para descubrilo a área recreativa fluvial da Tarroeira.