Por todo o territorio se espallan as feiras e festas populares, comidas campestres, gaiteiradas ou foliadas, pulpadas, churrascadas, merendolas, orquestas, grupos e charangas, o conto é andar de parranda e... pasalo ben! As citas son innumerables, nesta web recóllense unicamente as que contan coa declaración de Interese Turístico.
Xenerais da Ulla
En Touro e en todo o val do Ulla celébrase este ancestral entroido, cheo de cor, elegancia equina e retranca nos atranques que se dan entre os xenerais (nos últimos tempos tamén algunha xenerala)
Aproveitando a feira do 5, en Touro xúntanse os xenerais e correos a cabalo, cun exército de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Outras parroquias como Bama ou Fao fan tamén a súa propia festa.
Festa do Melindre en Melide
O segundo domingo de maio honra Melide ó doce que leva o seu nome cunha gran festa na que se exhalta, non so o melindre, tamén os ricos e almendoados. O mellor non é contalo. O mellor é vir e probalos
Festa do galo Piñeiro e Mostra Cabalar do Pino
Celébrase a primeira fin de semana de agosto a festa do Galo Piñeiro que ten como fin último recuperar esta raza de galiña propia e facela cada vez máis popular. De feito un dos actos centrais é o concurso de beleza, no que galos e galiñas lucen as súas mellores plumas, para acadar o primeiro premio.
Festa do Queixo de Arzúa
O queixo D.O.P. Arzúa-Ulloa vístese de gala en Arzúa e no seu nome fanse toda unha serie de actividades, que van dende a degustación, a música, a arte e moita diversión. Arzúa supérase cada ano, en records que poden supoñer o queixo máis grande do mundo, ou a escultura do pobo reproducida en queixo, o queixo maquetón, o cartel do queixo, ou o concurso de tapas, son algunhas das queixo-actividades das que se pode gozar a principios de marzo.
Festival da Luz
Boimorto recibe a miles de amantes da música e familias, que se unen sempre cun fin benéfico nun espectacular despliegue de medios na casa onde Luz Casal naceu, e que cada ano prepara con mimo para recibir ós seus invitados á festa. Jarabe de Palo, Herdeiros da Crus, los Secretos, Fuel Fandango... e outros moitos artistas, mézclanse co público entre as alpacas, cando rematan de tocar. Ambiente inmellorable para unha cita inesquecible.