Esta é a terceira reunión do GDR en pouco máis dun mes, para aprobar subvencións Leader. Nas dúas primeiras aprobáronse os proxectos de carácter non produtivo, solicitadas por concellos e por asociacións sin ánimo de lucro.
Nesta terceira reunión, a Xunta Directiva do GDR aprobou 12 proxectos empresariais, ben de posta en marcha de negocios, ben de ampliación e modernización de actividades que xa están en funcionamento. En total, para os 9 concellos do GDR (Vilasantar, Comarca de Arzúa e Comarca de Melide) asignáronse 452,335 euros de axuda que supoñen un investimento no territorio de 1,5 millóns de euros. Os proxectos aprobados descríbense a continuación:
Gandería de Sobrado dos Monxes
- Dúas pensións no Camiño Norte, unha delas en Boimorto e outra en Sobrado, que compaxinará o aloxamento de peregrinos coa participación dos hóspedes na actividade do cultivo de shiitake e recolección de setas e castañas.
- Tamén en Sobrado, unha panadaría que xa está en funcionamento, fará ás inversións necesarias para aproveitar a calor residual do forno para a elaboración de doces, ampliando así a gama de produtos á venda.
- Unha explotación gandeira de vacas de carne que na actualidade, ante a falta de tendido eléctrico, abastécese cun xerador, porá enerxías renovables para substituílo no concello de O Pino.
- En Boimorto hai un pequeno proxecto de plantación de maciñeiras para sidra.
- Tanto en Arzúa como en Melide poranse en marcha negocios de lavadoras de moedas, tipo autoservizo, anque en Arzúa un negocio contará tamén con servizo de tinturería.
- En Arzúa, unha tenda de roupa de deporte ampliará o negocio para poñer artesanía fabricada por eles mesmos, con selo de Artesanía de Galicia.
- En Melide un embotellador de licores con marca propia, encargarase, a partir de agora, da elaboración nas súas instalacións dos seus propios licores, mellorando a calidade dos produtos e a rendibilidade do negocio.
- Tamén en Melide financiarase a creación dun tanatorio, posto que ata o de agora só existía o servizo de velorio municipal.
- Por último, unha empresa de construción de Vilasantar, adquirirá unha máquina que serviralles para mellorar o rendimento do negocio, ser máis eficaz e aforrar tempo.
Estado actual e futuro da pensión en Sobrado dos Monxes