Leader é o nome co que se coñecen as distintas iniciativas comunitarias de desenvolvemento rural na Unión Europea. Correspóndese co seu nome en francés de "Relacións entre actividades de desenvolvemento da economía rural” (Liaisons Entre Activités de Developement de LÈconomí Rural) o que nos da unha idea da súa concepción sistémica e integral, na que se dà cabida a tódalas actividades e sectores da vida rural, económicas, culturais, ambientais e sociais.
A posta en marcha do Leader (1991-1994) significou unha nova concepción da política de desenvolvemnto rural, baseada nun enfoque integral, participativo, caracterizado pola gobernanza a través dun método de abaixo a arriba, no que a comunidade se organiza a través da súa propia estrutura e deseñan como queren que sexa o seu desenvolvemento.
Portodemouros, antecesor do GDR Ulla Tambre Mandeo foi un dos catro territorios europeos que se elixiron para participar na primeira experiencia piloto da posta en marcha do Leader. É polo tanto este territorio un dos 2.200 que hai en Europa con máis tradición Leader, e polo tanto con máis experiencia na autogobernanza e nos procesos participativos de desenvolvemento rural.
O anterior programa Leader 2007-2013 rematou en decembro do 2015 con un total de 46 proxectos apoiados, dos que o 80% foron para a posta en marcha ou modernización de empresas, e o 20% para proxectos non produtivos, unha dotación de 3.196.404 euros de fondos públicos, e un investimento total nos nosos concellos de 7.400.000 euros.
O GDR Ulla Tambre Mandeo e a súa Estratexia de Desenvolvemento Rural foron seleccionados por Resolución do 20 de novembro de 2016, como entidade colaboradora da Consellería de Medido Rural, para a xestión do Programa Leader 2014-2020.
Podes atopar toda a información relativa a este novo programa na sección de AXUDAS E SUBVENCIÓNS